CONTAGIUM ANIMATUM



“Nada de isto explica a febre puerperal: son a enfermeira e o médico os que levan os microbios dunha persoa infectada a outra san”.
Louis Pasteur, 1879, na Academia das Artes e as Ciencias de París.



-No fuches despedir o Doutor?

Viktor negou ca cabeza e seguiu a lavar as mans con mestura de hipoclorito e cloruro cálcico. Mans rexas, ásperas coma o coiro, que semellaban impropias dun estudante de medicina.

-Ese home e un toxo. Tratoume todo este tempo coma bosta pegada no seu zapato, por que había de ir a despedirme de el?

Ernst era, en case todo, oposto a Víktor; fraco, elegante. Arrecendía a auga de Colonia e boa crianza.

-Pois se o Doutor Klin che ve con esas maruxadas agora que conseguiu tirar fora a Semmelwais, vas ter un problema. Ese tamén é bastante toxo.

-Klin e algo peor que un toxo.

-¿Si? ¿E que é?

-Un babeco, e mesmo peor, un mal médico.

Viktor sacudiu as mans e dirixiuse a unha das camas, no outro lado do paridoiro. Cunha delicadeza que non parecía propia de tal mangallón, explorou a mociña que agardaba nela. Era case unha nena, que o miraba espantada con ollos arregalados. Ninguén a acompañaba; nin home nin nai.

-Esta e a do neno que ven de nádegas?

-Chámase María. ¿Sénteste ben, María?

A mociña asentiu; mais o medo non marchara da súa faciana. Viktor fíxolle un agarimo e voltou o lavadoiro.

-Isto vaise demorar un anaco. Botamos unha?

Os dous saíron o patio, e sacaron sendas pipas.

-Marcho nunha semana, Ernst. Penseino ben e retorno para o Tirol. Así que tanto me ten o que me diga o Doutor Klin. O problema non o vou ter eu; telo ti, que terás que seguir aquí e facer o que el che diga, e suspender o método Semmelweis de lavado de mans.

Ernst acendeu un misto.

-Conque o problema o teño eu? Es ti o que marchas o cu do mundo, onde vas atender mais gando que xente, tras tanto rebentarte a estudar estes anos. Ademais, pensas que sabedes ti e Semmelweis máis que o vello e que todos os demais? Tan certo estás do que di?

-Non o estás ti? Ti tamén viches morrer eses coellos que infectamos cos fluídos das enfermas. As contas non minten; co lavado de mans, pasamos de perder unha de cada catro pacientes a unha de cada cen. Se neste hospital tratásemos a grandes damas, en vez de probes nais solteiras, a estas alturas xa tería aparecido un mecenas cos petos ben cheos de cartos para darlle unha patada no cu a Klin e os seus palmeiros e pagar a investigación de Semmelweis.

As fazulas de Ernst foran virando rubias coa carraxe.

-E que iades investigar? Esas partículas cadavéricas asasinas de mulleres que somentes podedes ver vos?

-Sobre o que for, Ernst. Levamos coa merda dos catro humores dende Hipócrates. Eu non sei por que é, pero é. Hai un alemán, Henle, que escribiu do "contagium animatum"...

-E ti crees en todas esas pampadas! Coidado co rapaz da aldea, que ven tirar por terra a sabedoría dos seus mestres!

Agora foi Viktor o que virou de cor, e achegouse tanto a Ernst que este coidou que o que fora o seu amigo e compañeiro o ia agarrar do lazo. Non fixo tal.

-Eu creo o que me din os feitos, Ernst. Hai pouca sabedoría en dar mais creto o que che contan que o que confirmas por ti mesmo. E mestre meu tamén o e Semmelwais, que será un toxo e un mal falado pero a médico gánalle a todos os de este hospital e se me apuro, de toda Viena. Escoitame ben: hay algún axente, algún que non coñecemos, que transmite as doenzas. Algo que se pode eliminar co cloro e ca limpeza.

Dende o paridoiro, escoitáronse os berros de María. Viktor tapou a cazoleta da pipa para afogar a brasa.

-Eu sei que ten razón, Ernst, e ti tamén o sabes. O que queira ficar aquí ten que tragar co que diga Klin, inda que sexa un incompetente que non ve o que ten ante os ollos de pura soberbia. Mais eu prefiro salvar a vinte nas granxas do Tirol que matar a cen neste recoñecido hospital. Acaba a pipa tranquilo; desta muller voume encargar eu.
  • Visto: 111

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA