O espirro de Deus

Einstein decía que Deus non xogaba aos dados, Galileo, que a matemática era a linguaxe coa que Deus escribiu o universo. Todo iso son bonitos eufemismos porque en realidade Deus non tiña dados nin sabía escribir.
Deus estaba so, pero non era consciente da soidade porque non existía nada agás el, e a soidade soamente pode concebirse co transcurrir do tempo. Deus era un ente atemporal, non tiña pasado nin presente nin futuro; era inmaterial e individual, pero non era un solitario no sentido que nós lle damos, en canto relacionamos esa palabra co que nos rodea, porque a Deus non o rodeaba nada. Deus era un solipsista, soamente tiña conciencia de si mesmo.
É imposible, dentro do contexto material no que nos atopamos, explicar que pasou, pero temos que dar por feito que algo pasou que fixo que Deus espirrara, tusira ou vaia vostede a saber se non aconteceu algo semellante pero máis escatolóxico… O que é certo e que a esa anomalía na existencia de Deus, os astrónomos chámanlle Big Bang.
Considerar que o Universo coñecido é unha excrecencia de Deus semella un tanto irreverente, pero iso é o que creía o científico tolo ao que chamaremos Dr. X.
O Dr. X era obxecto do ludibrio dos seus colegas e das burlas dos seus alumnos, pero el mantíñase á marxe de todos isos escarnios.
Un día nunha clase, alguén preguntoulle:
–Dr. X, se o Universo é unha excrecencia de Deus, nós que somos?
–A bile — respondeu con retranca o Dr. X – a bile.