Condenado ao esquecemento

Negar unha verdade evidente, sería revestir unha ostensible autocompaixón coas roupaxes dunha inxenuidade que sempre suscitou o meu máis terminante rexeitamento. A razón do meu cativerio áchase na envexa dun home. Na protervia daquel que chaman “o príncipe da paz”.
Clamo que non hai tan imperdoable afronta a un home, como a de privarlo do mundo cando este acaba de coñecelo en todo o seu apoxeo.
A estrepitosa contenda que as ondas manteñen cos muros desta prisión coruñesa, trasládame todas as noites a un, agora, doloroso pasado. Atormentándome o falso reflexo na penumbra da calma traizoeira do Pacífico ou o celeste do ceo das Filipinas. Un falso recordo, autor das miñas bágoas coléricas, fillas da paixón desgarradora de crerme unha vez máis, naquela corveta que en 1789 partía dende as costas gaditanas, sedenta de saber.
Compadézome agora, da inocencia e entusiasmo dos meus compañeiros, que de forma tan honorable e franca concibían aquela viaxe coma unha débeda co resto da expectante nación española, á sombra de Inglaterra ou Francia e do incesante fluxo dos navíos que partían desde as súas costas, dedicados ao estudo do Novo Mundo e as súas indescritibles marabillas.
Aquel proxecto, bendicido pola Súa Maxestade, Carlos III, presentábase entón como o máis ambicioso xamais realizado, pois pretendía debuxar un cadro razoado e coherente dos dominios españois e dos segredos que estes albergaban, alumando unha verdadeira física da monarquía.
Foi enaltecida a nosa visita, cos milagres ocultos nas illas Malvinas, a Patagonia, Valparaíso, Panamá , Alcapulco, California ou o norte do continente americano, territorios de indescritible beleza, dona do desasosego que agora reina no meu peito e me consome.
Alí onde estivemos, co afervoamento de auténticos párvulos, realizamos todo tipo de observacións científicas; astronómicas, botánicas, xeográficas, zoolóxicas ou cartográficas; afervoamento reflectido nos nosos diarios e escritos que, ao meu entender, constitúen a culminación da experiencia descubridora e científica do Novo Mundo e dos ideais ardentemente custodiados polo movemento ilustrado.
Ao noso regreso, estimulados pola gloria que en España agardabamos, acumularamos unha cantidade inxente de material científico e, sen lugar a dúbida, o maior reunido nunha soa viaxe por navegantes españois, composto por coleccións de especies botánicas ou minerais, observacións científicas, novas cartas náuticas e debuxos, bosquexos ou pinturas de incalculable valor. Coñecemento que entendiamos, pecando de optimismo, como un presente para as xeracións vindeiras.
Para o noso inmenso pesar, as entrañas da España que en 1794, agardaba o noso regreso, nada compartían coa nación que nos despedira un lustro antes. Carlos III falecera apenas dous meses despois da nosa partida, sucedido polo seu fillo, que goberna como Carlos IV.
Non tardamos en advertir, con todo, que en realidade a Coroa recaía, e recae, sobre o primeiro ministro e favorito do rei, Manuel de Godoy.
Áchome incapaz de reproducir a miña decepción ao comprobar o obvio desinterese e incomprensión de devandito valido con respecto á misión que durante os últimos cinco anos nos ocupara, e do seu inigualable proveito para o estado, e mesmo para o resto do mundo.
Dita indiferenza e descoñecemento resultou na miña aberta desaprobación e, esquecendo un respecto que, confeso, non profesaba entón e non profeso agora, axuiciei efusivamente o goberno da Súa Maxestade e o seu incompetente “favorito” esquecendo que, a potestade da coroa depende da impasibilidade do seu pobo e, comprensiblemente, o meu descontento non era ben recibido.
Acusado con tropelía como traidor, fun recluído na prisión na que hoxe me acho e o material da nosa expedición foi condenado ao silencio absoluto.
Oídeme agora, e palpade a miña cólera, cando vos digo que non hai perdón para aquel que castiga ao amante do entendemento coa censura e priva á súa xente do saber. O coñecemento é poder, e a neglixencia coa que se tratou material de semellante valía para a ciencia e todas as súas ramas, non tardará en reflectirse no porvir do país que tanto amo.
Se nun pasado, defendía ardentemente o perdón como o maior dos valores humanos, hoxe dígovos Godoy, que eu, Alejandro Malaspina, son incapaz de perdoarvos a afronta que ante min e o resto da nación cometestes.
Rezo, porque o voso reinado e o da ignorancia que o acompaña chegue pronto ao seu fin, e a patria que antes me aclamaba e agora ignora o meu destino, experimente a satisfacción que reinaba na miña tripulación, espertando do seu soño e loitando polo saber, polo futuro, polo avance, polas noites do Pacífico, a fauna das Filipinas e as estrelas americanas. Pola ciencia.
  • Visto: 107

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA