Casiopea

Nunca vira tal cousa. Augamares cabeza abaixo axitando as súas extremidades hacia arriba, turrando contra o fondo dun acuario! O luar filtrábase dende a superficie do mar a través da claraboia. Abondo para comprobar que era medianoite co meu reloxo de man. O acuario agochábase no medio da parede do gran salón.

Nese intre avanzou alguén entre as sombras. A presenza sobresaltoume mais axiña recoñecín de quen se trataba. Aquel home prendeu un dos seus cigarros de algas e comezou a falar:

-Velaquí a Casiopea, a augamar invertida. Estes especímenes recollímolos na nosa derradeira visita ó Caribe. Son criaturas moi especiais.
-Abofé que si. Nunca imaxinei augamares puxando no chan e contravindo de modo tan desconcertante a súa condición.
-O comportamento de Casiopea é absolutamente normal querido profesor. Para entendelas deberá fixarse nos seus pés, tinxidos dunha intensa cor verde. Agora poderá observar mellor do que lle estou a falar.

Cun resorte oculto debaixo do acuario alumou o volume do mesmo, que puiden calcular en non menos de oitocentos ou mesmo ata mil litros.

-Ese verdor procede dos infusorios que medran no interior das augamares. Coa fotosíntese fabrican o alimento que precisa o seu hóspede para sobrevivir. É por iso que Casiopea adoita mostrarse invertida: para favorecer a súa proliferación.
-Nunca deixa vostede de sorprenderme. Son fermosas e agora que me revelou a súa natureza non podo máis que admirar o inxenio e agarimo co que manteñen as algas. Coma nunha horta. ¿Pero qué sacan elas mesmas de proveito?
-Non seña inxenuo. Os infusorios poderían vivir libres a mercé das correntes, mais tamén dos depredadores! As augamares ofrecen refuxio e alimento xa que os detritos do seu metabolismo posúen nutrientes esenciais para a fotosíntese. Só esixen un pouco de dedicación por parte do hóspede, que vive o revés para que poidan dispor dunha boa dose de luz.

-¿E o seu nome? Casiopea é unha constelación do ceo boreal. Seguramente saberá vostede tamén se existe algunha conexión entre augamares e estrelas.
-En efecto. Na mitoloxía grega Casiopea foi castigada por Poseidón quen a amarrou a unha cadeira, de xeito tal que cando rota a bóveda celeste fica a metade do tempo cabeza abaixo.

Dito isto deu por rematada a conversa. O home apagou a luz, esmagou o cigarro nunha cuncha e afastouse entre as sombras. Fiquei alí, mirando as augamares afanadas en manter os pés cara arriba cun anhelo que xa non me semellaba infrutuoso…
  • Hits: 245

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA