Estela

Aquela excursión á Fisterra quedou debuxada na súa mente como esa onda salgada que describe un vaivén impreciso nunha toalla esquecida xunto á area. Aquel día rematou xunto ó mar pero foi unha xornada inesquecible, que marcou un antes e un despois na vida de Estela.
Agora que estaba a traballar na súa tese, non podía menos que lembrarse daquela fin do mundo, segundo o topónimo latino, o finis terrae coñecido. Xa que logo tiña un final, onde podería atopar un comezo? Por onde podería empezar a investigar nesa xénese que a ciencia trataba de explicar? Cando rematou os seus estudos de Física tivo claro que continuaría cun posgrado baseado nesa grande explosión, nese Big Bang que tiña que “esmigallar” ata conseguir atopar una orixe razoable, ou que polo menos lle axudara a ela e a outros moitos a entender o misterio da vida e do máis alá, que parece non rematar nunca. De ahí que cando le a Lemaître e a Hubble, dous pioneiros nesta teoría da orixe do universo, goce tanto e pense que está no camiño correcto.
De nena sempre lle fixera tremer esa sensación de vertixe que experimentara xunto aos cantís do faro fisterrán. Aquela estrada irregular, chea de curvas, en ascenso continuado, e con peregrinos camiñando a ritmo regular... que conducía ata esa fin que os devotos parecían ter moi clara, aquel percorrido quedáralle gravado! Cando baixaron do autobús e iniciaron o paseo non reparou nas tendas de recordos que a agardaban á entrada, nin esperou polo resto das compañeiras. Empezou a acercarse a ese mar galego da Costa da Morte que, segundo lle dixeran os profesores, sinalaba a última liña coñecida para os celtas... un lugar dende o que render tributo ao sol, ás estrelas e as galaxias que conformaban o cosmos que hoxe en día trataba de desenmarañar. Fora unha visión tan bonita e á vez tan inquietante que cando chegou de volta á casa case non puido cear, só pensaba naquela imaxe infinda, eterna, rodeada de agua, e cunha luciña poderosa que axudaba ós barcos a chegar a terra. Foi así como decidiu que tamén ela había de buscar algún día a súa propia luz e dar explicación do porqué estarmos aquí.
Segundo Einstein e Hawking tempo e espazo creáronse nesa momento da grande eclosión, nesa especie de mar axitado e bravo da inmensidade cósmica en que todo comezou a formarse. Aínda así, a Estela non lle convencía nada iso de que a partires dun momento houbese un principio da vida e anteriormente…que? Por que ninguén reparou nesa “semente” de materia necesaria? Ela sabía das estruturas complexas ás que deron lugar os primeiros electróns, fotóns e finalmente os átomos, ata conseguiren “xerminar” e dar orixe ó mundo que hoxe coñecemos. Pensaba, lía e ata se vía envolta nunha espiral infinita que non remataba de xirar, que de día lle aportaba claridade, coñecemento e, en definitiva, certeza empírica e demostrábel. Porén, de noite, esa última espira do remuíño volvíase máis e máis escura, non deixaba de estirarse, isto é, de expandirse e nese intre, Estela víase arrastrada pola magnitude dun cosmos en movemento imparable que non a levaba a ningures. Esas viaxes astrais servíanlle para ver máis de cerca os planetas e sentir que a empuxaban fóra da galaxia. Así, non había maneira de avanzar no seu traballo, e sentíase cercada por unha morea de pensamentos contraditorios, incapaz de apostar por unha liña de investigación ou de chegar a conclusións definitivas.
Días despois atopou a súa propia solución: investigar dende a experiencia propia, adaptar o seu coñecemento á realidade que coñecía e na que vivía, e tratar de unir principio e fin (o universo e Fisterra) nunha harmonía agradable e que non desentoara. Xa tiña materia almacenada dabondo para expandir, ou esperando ser expandida na súa tese de doutoramento.
  • Hits: 170

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA