A fantástica formación da Lúa

Hai ó redor de 5.000 millóns de anos, nun lugar do Universo chamado Vía Láctea, habitaban unha serie de partículas de po e gas. A súa vida era moi curiosa. Non tiñan casa e pasábanse o tempo flotando no medio dun espazo baleiro, frío e negro. Tampouco eran moi sociables. Non sei moi ben se era cousa súa ou das circunstancias, pero semellaban ter preferencia por permanecer illadas, sen contacto algún entre elas. O maior pracer, ou o único, para estes minúsculos habitantes era observar o firmamento. Millóns de pequenas luceciñas iluminaban constantemente o ceo negro no que pululaban. Coñecíanse todas unhas a outras, as que vían por diante, as traseiras, as que se situaban nos lados ou as de debaixo, até a algunhas lles puxeron nome. Os puntiños estaban sempre alí, sempre no mesmo sitio, sempre coa mesma cor e co mesmo fulgor.
Así, o tempo pasaba sen sentir. Toda a vida destes miniseres consistía niso: flotar, deixar pasar o tempo e ver as estrelas.
Pero como o Universo non é estático e todo está suxeito a modificacións, un día chegou o cambio. A monotonía deu paso ó caos. Unha das estrelas fíxose máis e máis grande, aumentou o seu brillo e, estoupou. Foi unha explosión rápida e violenta que desprendeu unha enorme cantidade de enerxía e de materia e á que chamaron Supernova.
A onda de choque empurrou as partículas, arrastrounas e revolveunas. Formáronse grupiños, ó principio pequenos, e logo cada vez máis grandes e voluminosos. Púxose de manifesto entre eles a forza gravitacional, que non só os mantiña unidos, senón que os xuntaba cada vez máis. Aínda por riba, esa mesma gravidade ía atraendo e capturando a máis partículas e obxectos grandes que había polos arredores. O ambiente quentouse chegando a ser sufocante. Alguén o chamou Sol.
Pero non todas as partículas quedaron atrapadas. Houbo algunhas que conseguiron escapar á salvaxe atracción do novo Sol que se estaba formando. Elas víanse moi felices a si mesmas, crendo que pasada a tempestade viría a calma e todo volvería ser como antes. Nada máis lonxe da realidade. Estes restos de materiais que lograron manterse apartados tamén se viron forzados a agruparse, tamén entre eles apareceu a gravidade e eles tamén estiveron obrigados a capturar partículas solitarias. A única diferenza era o tamaño. No Sol, había moitas partículas, moita masa e moita calor. Nestes grupos máis pequenos a situación non era tan asfixiante.
O feito de seren moito máis pequenos que o Sol e con todo, estar preto del, obrigoulles a virar ó seu arredor. Cousas da gravidade: ás veces non atrapa nin engule, só condena a xirar en torno a un corpo para sempre.
En pouco tempo, aqueles seres de vida aburrida concentráronse en grupos para dar lugar ó Sol e ós planetas. Non terían máis remedio que socializarse e, aínda que custe crelo, non se levaban mal de todo. Cada planeta xiraba en torno ó Sol nun camiño definido chamado órbita. Cada planeta tiña cadansúa traxectoria curva e pechada, que non compartía con ningún outro, agás a Terra. Na súa órbita coouse outro planeta que pretendía facerlle a vida imposible, Theia.
- Busca o teu propio camiño. Vai chegar un momento no que nos despistemos e choquemos!- berráballe a Terra.
Pero Theia non atendía a razóns. Seguir á Terra converteuse nunha obsesión. Os demais planetas observaban a situación con verdadeiro desagrado. Saturno chegou a dicir que Theia fora atrapada nesa órbita e, por non marchar a tempo, xa non sería capaz de saír xamais.
Todo o mundo sabe que dous corpos que se moven nunha mesma órbita están destinados a chocar tarde ou cedo. E así foi. Colisionaron e Theia rompeu en anacos. A Terra perdeu parte da súa codia, aínda que co paso do tempo conseguiu curar as súas feridas. Os fragmentos que quedaron soltos vagaron polos arredores un tempo até que a gravidade, unha vez máis, os uniu nun corpo esférico e algo máis pequeno que a Terra, a Lúa.
- A ver agora que órbita elixes, Lúa, non vaia ser que ti tamén queiras ir detrás da Terra -vocexáronlle os planetas en canto souberon da súa formación.
A Lúa pensouno un momento e creu que a mellor compensación que podía ter a Terra pola irresponsabilidade de Theia era que ela mesma xirase ó redor. E así, se un día houbese vida no planeta azul, os seus habitantes poderían gozar do espectáculo que supón a Lúa.
Ó pouco tempo a Lúa recibiu unha mensaxe anónima: “Non te atribúas todo o mérito, sabes que se viras ó redor da Terra non foi por decisión túa, é pola gravidade”.
  • Hits: 248

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA