Ulises

«Despois de expandirse por tódolos lugares do planeta Terra, e despois de colonizar practicamente tódolos ecosistemas terrestres, o ser humano mirouse a si mesmo e dixo “o mundo é meu, servireime del como sempre fixen, servireime del como me pete.”»

— Que arrogancia, non? Realmente chegaron a dicirse iso a si mesmos?

— É unha metáfora, pero dende logo actuaron como se efectivamente ese fose o principio reitor do seu comportamento como especie.

— Profe, non o entendo.

— Hai que entendelo no seu contexto: as relixións maioritarias presentes no planeta puxeran dende sempre ao ser humano como centro da creación e co resto de especies como algo inferior e subordinado, as doutrinas económicas imperantes en cada período histórico foran expansionistas e agresivas cos recursos naturais do planeta, e por último a conciencia ecoloxista non xurdiu na especie ata moi tarde.

— Pero profe, como nos explicaches outras veces, a ciencia humana fora descubrindo que o homo sapiens era un animal máis xurdido da evolución como todos, que a Terra era un planeta como tantos outros e cuns recursos limitados, orbitando arredor dunha estrela ordinaria...

— Si Ulises, pero a influencia efectiva da ciencia sobre o comportamento e toma de decisión da humanidade cínxese a un período histórico moi curto. E lembra que era considerada como algo alleo e estraño para a maior parte do seres humanos, aínda sendo algo fundamental no seu día a día.

— Non comprendo como a ciencia tiña tan pouco peso nas decisións fundamentais da especie. Sen ciencia as enfermidades seguirían devastando a poboación, sen ciencia as condicións materiais de vida serían pírricas, sen ciencia non acadarían o desenvolvemento tecnolóxico que lles permitiu expandirse por tódolos ecosistemas do planeta e adaptarse a eles, sen ciencia non terían saído do planeta... sen ciencia non serían practicamente nada.

— A túa análise é correcta Ulises, pero a realidade do planeta Terra e da especie humana diverxeu desa análise, e as consecuencias foron catastróficas para ámbolos dous. Sigo coa historia:

«Houbo moitas sinais do que estaba a acontecer:
- A medida que o ser humano contaminaba a atmosfera do planeta con gases de efecto invernadoiro, a temperatura media ía subindo e o cambio no clima ía tornándose irreversible.
- A medida que o ser humano experimentaba coa fisión de xeito irresponsable, ían liberando radioactividade na atmosfera e cambiándoa para sempre.
- A medida que o ser humano contaminaba os océanos con plásticos, estes ían degradándose en microplásticos, entrando na cadea trófica e contaminando acumulativamente e irreversiblemente a tódolos seres vivos do planeta.
- A medida que o ser humano enchía os océanos con todo tipo de residuos, estes alteraban os ecosistemas mariños, destruíndoos en gran medida... e os que sobrevivían facíano para seren esquilmados sen piedade.
- A medida que o ser humano deforestaba a superficie, os ecosistemas e seres vivos terrestres foron minguando, morrendo e extinguíndose.
- A medida que os insectos, coa icona das abellas, ían desaparecendo a polinización ía minguando e con ela a fertilidade vexetal, a desertización tiña aquí outro motor máis...»

— Esta parte é difícil de crer profe. Como é posible que non viran o que estaban a facer?

— Si que o vían, era imposible que non o fixeran. Un bo número de seres humanos eran científicos ou tiñan unha sólida formación científica.

— Como é posible entón que a humanidade non cambiase o seu modo de relacionarse co planeta e cos ecosistemas que lle daban vida?

— A resposta é sinxela Ulises: porque a pensamento científico e maila ciencia non eran a voz preponderante na toma de decisións da especie. A humanidade, tras dun desenvolvemento tecnolóxico exponencial conseguido grazas á ciencia, seguía estancada no pensamento máxico, no pensamento relixioso, no pensamento alleo ás evidencias, no tribalismo, no especismo.

— Pero como dixeches profe, si que chegou un momento no que o pensamento científico chegou a ser a guía.

— Ese momento chegou si, pero a destempo. Chegou cando as consecuencias de ignoralo eran atronadoras, chegou cando a especie e mailo planeta morrían, chegou demasiado tarde para salvalos.

«E cando o ser humano constatou que a fin era inevitable, por primeira vez na súa historia actuou con visión de especie.
Antes de que todo rematase centrou os seus esforzos en desenvolver naves espaciais xeneracionais, e lanzounas por milleiros dirixíndoas aos exoplanetas que fora identificando como potencialmente viables. Os humanos que subiron ás mesmas ían modificados xeneticamente para adaptalos ás condicións que esperaban atopar en destino, xa eran outra especie.
A humanidade, no seu estertor, sementou o espazo desexando que algunha semente chegara a terreo fértil e puidese así renacer a vida que na Terra esmorecía.»

— E con isto remata a clase de historia de hoxe, comezaremos agora coa clase de mantemento dos sistemas de reciclaxe de soporte vital da nave.
  • Hits: 205

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA