A COSTELA DE ADÁN

Dixéranlle que fora feita dunha costela de Adán. Materia ósea –pensou-, dura de roer. Despois falou con Deus, que fixera ao Adán con arxila, branda e maleable, á súa imaxe e semellanza. Porque non nos fixeches dun anaquiño de corazón? Desa maneira abondaría amar para sermos felices.

Chea de melancolía, Eva botou as mans a un lado do costelar e percorreu, unha a unha, as súas costelas: Polgar, índice, medio, anular e maimiño... Paseniño ía pousando ensimesmada os dedos da man, seguindo unha orde estrita. Sen levantalos do sitio continuou descendendo coa outra man: Polgar, índice, medio, anular e maimiño... Mantivo esta marcando os lugares, levantou a outra e buscou polo lombo as costelas que faltaban: Polgar, índice; concluíu. Estaba ben magriña, o que lle facilitou o recoñecemento.

Repetiu no outro lado do corpo, con idéntico resultado. Deslizando as polpas dos dedos pola pel, sentía os sucos ondulantes que as costelas debuxaban no tórax do seu corpo e imaxinaba ondas do mar batendo nos cantís. Entón lembrouse núa ao abalo da marea, aquela noite de ardentía, noite primixenia na que unha insólita coraxe reverberáballe as entrañas e, coma gamela enfeitizada que danza co hierático e fálico mastro, fixo o amor co Adán por primeira vez.

Volveu a si. Percibiu que a cada costela da esquerda correspondía unha da dereita, nunha perfecta simetría. Esta harmonía reconfortouna e, sumida nela, reconciliouse co Creador.

Talvez non fose consciente, pero o Número acababa de nacer. Ninguén puido, nesa altura, imaxinar as consecuencias que para a humanidade había ter tal descubrimento.

Volveu cabo do Adán, que durmía profundamente, alleo a tanta tribulación. Coitado, mira que quitarlle unha costela! –compadeceuno-. E no corpo del, Eva estreou o seu recente creado sistema de numeración. Mais unha sorprendente realidade había desconcertala: Tiña doce costelas a cada lado!

Serán trampóns! -exclamou-. Vaia artimaña que nos montaron xuntos, homes e deuses, para facernos crer que éramos derivadas, secundarias, dependentes...

Entón decidiu comezar de novo a historia, a súa historia, e construírse a si propia. Sen prototipos, sen modelos. Pero non, non de arxila, que xa sabía que tal materia prima daba febles resultados, senón de po de estrelas: ceibe, lixeira, transparente...
  • Hits: 206

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA