Memorias dun Arlés particular

A habitación que cheira a soidade rompe co son do seu sorriso. Rebota de parede en parede derretendo todo o mobiliario cunha nostalxia que abafa e empequenece. A pouca luz da rúa entra polas ventás de vidro verde coas sombras das luces de artificio, bañando o cuarto dun fulgor azul que se reflexa na pintura seca de anos atrás e que alumea o rostro de Ele cos matices dun retrato holandés. Tombado sobre a cama sostén con forza o seu ImagineART, que reproduce o sorriso que rebota como o eco, con medo a que escape e se perda ese instante de harmonía, entre o insoportable da nostalxia e a tranquilidade que radica na anarquía dos trazos. Non se move porque o que agora ve foi o que antes vían, a súa imaxe preferida e imperecedoira, precisa da luz dese aparato para vivir no pasado que non quere esquecer.

IART, reproduce - susurra Ele cunha voz que esgarra a cada sílaba.
A primeira versión é a que me gusta máis - reproduce IART coa voz doce e intelixente dunha muller.
Por que? - susurra Ele.
Ten algo que me ilusiona. Van Gogh era un home triste e pobre, un gran artista maldicido polo seu arte e, con todo, foi capaz de pintar a súa pequena habitación como un lugar de sosego e tranquilidade, como un fogar… Isto faime pensar que ata eu, chea de problemas como estou, podo ter un fogar, podo estar tranquila e, por que non, podo ser feliz - reproduce IART coa mesma voz de muller.
IART, para - volve a susurrar Ele ao mesmo tempo que se consume na cama do seu Arlés particular.

Aínda sen bágoas nos seus ollos, Ele solta o IART e este sobe ata o teito para xuntarse coa bombilla led que colga dunha pequena lámpada de oferta. A lenta subida do aparato foi acompañada pola mirada derrotada dun Ele que sabía que o que viña agora era un momento que lle rompía o corazón, pero do que non se podía desprender pese que o intentara unha e outra vez. Facía xa anos que a memoria se comercializara e esquecer ou lembrar era algo que se podía mercar, non sabía ben como, pero todo chegara cunha pastilla de dopamina que coa estimulación do receptor dDA1 permitía lembrar e coa do receptor DAMB esquecer. Pouco despois e co prometedor do negocio da memoria, as inversións foron sacando máis inventos ao mercado ata o punto que se poden sacar as lembranzas ao exterior e revivilas.

- A memoria ao teu alcance da man de ImagineArts, unha compañía que se lembra de ti- reproduce o IART ó tempo que cun xogo de luces recupera a cor da habitación acabando con esa nostalxia azulada. Todo se ilumina con ese amarelo do amencer que proxecta unhas sombras que danzan ó ritmo dos cantos de gorrións exteriores mesturados co respirar de Mel. Cando dorme sempre sorrí, incluso máis que cando está esperta. Ele pensa que ela sempre soña e nunca ten pesadelos, para el só hai aventuras, libros e músicas con cafés fríos nese durmir profundo. Por iso, encántalle espertar antes para vela durmir e cada mañá e coa meticulosidade dun Tribunal fixa os seus ollos nas pálpebras pechadas de Mel agardando que se abran coa preguiza da felicidade rutineira.
Ele agarda e agarda, pero ela non abre os ollos. Parece que a imaxe está conxelada, pero en realidade se repite cada corenta segundos pois é todo o que pode reproducir a súa vella versión de IART, e Mel sempre se levantaba dez minutos máis tarde que Ele. A cada repetición a cor azul da nostalxia faise máis patente, e a felicidade vai morrendo ó tempo que o amencer. A vixésima repetición o IART comeza baixar do teito no momento que afloran as primeiras bágoas, e se pousa no peito de Ele entre o bater dos choros. Ela xa non está e el non quere recordar. Abre o caixón e rebusca pola pastilla para esquecer, precisa sentir que cada día pode volver a lembrar os seus amenceres por primeira vez, cóllea e traga sen auga esperando que a dopamina e ese receptor DAMB fagan o seu traballo.

Pouco despois, Ele volve pechar os ollos sumido nese fulgor azul de pintura vella. Vaise durmir sabendo que mañá poderá lembrar por primeira vez aquel amencer.
  • Hits: 244

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA