Atrancos para verificar a hipótese

Alborexaba coa promesa dun día solleiro de primeiros de marzo. Carolina conducía co afán de chegar decontado. Gozaba coa perspectiva de alixeirar o traballo adiado pola choiva dos pasados días.
Aparcou e foi chamar ao timbre. Non abrían. Tentouno novamente coa mesma sorte, así que timbrou aos veciños para que abrisen o portal.
Xa no andar, chamou outra vez. Non se oía nada. Decatouse de que era venres e, se cadra, había pouco que os seus habitantes colleran o sono. Apurada por aproveitar o día dispúxose a chamar ata que abriran, ou ata queimar o timbre. Logo da segunda pitada comezáronse a oír pasos. Abreuse a porta e Alberte apareceu tras dela.
-Veño buscar a Lois- dixo Carolina.
-Mira no seu cuarto, estará no primeiro sono. Esta noite demorámonos algo - dixo Alberte desaparecendo corredor adiante.
Dirixiuse ao dormitorio e petou na porta. A falla de resposta decidiuna a entrar.
-Lois! Aínda estás a durmir? Xa che vale! -dixo Carolina mentres subía a persiana.
-Non berres por favor, non aturo o ruído! Non abras de socato… fíreme tanta luz, baixa un pouco.
- Eu pensaba que estarías agardando. Xa tiñamos que estar por Silleda e aínda estás na cama! Levo dez minutos a petar na porta, e menos mal que me abriu Alberte, que está algo menos cadáver ca ti. Veña! Bule!
-Érgome axiña. Acouga un pouco e fai un café mentres me amaño.

___________________________________________________________________________

Co pelo aínda mollado, Lois entrou na cociña e púxose un café- Que miras?- preguntou a Carolina que estaba coa súa cunca fronte aos mapas.
-Pensaba que nos queda pouco para rematar coa aba inferior do val, onde non esperamos atopar nada, pero, si bulimos e podemos comezar coa metade leste da chaira superior, hoxe volvemos cun hábitat neolítico.
-A ver, e como é iso? Agora tamén es pitonisa, ou díxocho a fada de Pena Moura?
-Non te rías, dito así parece unha meigaría, pero a chaira está inzada de mámoas e ben sabes que os que soterraron alí aos seus mortos ben puideron morar pola contorna.
-Xa … pero a cousa é saber onde deixarían as pegadas, se máis ou menos preto dos túmulos mortuorios, se os seus restos foron suficientes e se aguantaron 5000 anos para que os atopemos … O certo é que esa chaira está pelada, e coas choivas destes días as condicións de visibilidade serán inmellorables.
- Ves coma non é adiviñación?
- Non, é hipótese. Coñecemos as condicións dos xacementos neolíticos e a topografía da zona de traballo. De aí vén.

_____________________________________________________________________________

Pouco despois chegaban ao coche. Tiraron mochilas e anoraks nos asentos traseiros e puxéronse ao camiño
-Non poñas a música alta que mentres chegamos botarei unha soneca- dixo Lois, amparándose do sol cunhas lentes.
- Logo do roubo de onte de seguro haberá controis na saídas da cidade. Tira as lentes non vaia ser que nos paren.
- Esa é outra hipótese fundada no coñecemento?
-Non, é un prognóstico baseado en indicios coma as pintas que levamos. Tira con elas, que non pareza que acochamos a cara.
-Se nos paran e non me espertan non será tempo perdido, que ben o aproveito durmindo. E para iso, mellor con elas.


-Velaí tes, Lois! esperta que nos mandan apartar- dixo Carolina.
O garda civil achegouse ao coche: -Bos días, documentación, por favor!
Lois rebusca na “guanteira” e saca os papeis. Carolina dálle o permiso de conducir. Ambos míranse riseiros ante a confirmación do prognóstico. O traballo empezaba ben!.
-Que levan detrás? Poden sacar os anoraks?
Ao volverse decátanse de que os abrigos tapan as mochilas formando un vulto que podería ser un escondedoiro.
- Son as mochilas. Tapáronas os abrigos- dixo Lois.
- Saque os anoraks, cunha soa man, e colla as mochilas- díxolle o garda civil a Carolina, mentres a apuntaba cun “ceta”- Ábraas, por favor .
Carolina pasou nun instante do riso ao medo.
O garda quedou inicialmente pampo, pero deseguida reaccionou chamando ao compañeiro. Mentres, Lois tentaba explicar o estraño contido das mochilas
-Somos arqueólogos, levamos mapas porque estamos facendo unha prospección en Lalín. As piquetas e paletas son para limpar o terreo … Temos permiso de patrimonio…
-ulo?
-Quedounos na casa - dixo Carolina, desacougada logo de buscalo sen sorte- Pero poden chamar o Servizo de Arqueoloxía. Alí confirmaranlle o que dicimos.

_______________________________________________________________

O día estaba mediado cando volveron á estrada.
-Síntome como se acabase de aprobar a materia "Arqueoloxía Fantástica". Indiana Jones ou Lara Croft non o terían feito mellor.
-Tamén eu, pero como nin eles nin a "Arqueoloxía Fantástica" existen, teremos que aproveitar o resto do día procurando pegadas de vida neolítica, non fastosos tesouros ... Anda que fixemos bo rebumbio cos mapas e fichas! Ordenareinos mentres chegamos, que xa me pasou o sono.
- Hoxe xa non acadamos a chaira. Xa sería sorte rematar a aba sen atopar restos
- Sorte? A sorte xa foi que non abrisen o capó...

  • Hits: 137

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA