23May2013

INSPIRACIENCIA



Twitter

Wednesday, 22 May 2013 05:24
Follow inspiraciencia on Twitter

PRIMER PREMI/O DEL/DO JURAT/JURADO/XURADO

PRIMER PREMI/O DEL/DO PÚBLICO/PÚBLIC


LLISTAT COMPLET DE PREMIATS I FINALISTES

 

Ciència i escriptura a l’aula

profesActivitats per a integrar el concurs a l’aula i treballar de manera interdisciplinària les ciències des de les lletres.

Xerrades

charlas“Passats, presents i futurs de la ciència a la literatura”
Xerrades inspiradores al voltant la ciència i la literatura.

PROGRAMA COMPLET

Decàleg

decDECÀLEG DE
RECOMANACIONS

Lectures

lecturasProposta de
LECTURES

Tomates e berenxenas

Tomates e berenxenas


Chámome Kerana, que en guaraní, significa deusa do soño. E son un insecto.
Son da familia dos crisomélidos, do grego Krhysos “ouro” e melos “membro”, da orde dos coleópteros. Dos da miña especie din que somos elegantes. Temos o corpo ovalado, duro e amarelo, a cabeza e o tórax de cor marrón alaranxada, e dous pares de as, unhas anteriores, os élitros, redondeados, percorridos lonxitudinalmente por dez liñas negras, que fixo que os estudosos nos denominasen decemlineata que, por pouco latín que saibades, podedes deducir que vén a significar “dez liñas”. Os élitros protexen as nosas outras as, as posteriores, que utilizamos para voar. Mido case un centímetro e formo parte do universo.
As miñas raíces remóntanse a América do Norte, pero durante a segunda metade do século XIX, coa extensión do cultivo da pataca, os meus devanceiros iniciaron a nosa expansión por todo o mundo, de aí que os humanos nos denominasen comunmente escaravello da pataca, a pesar de que tamén nos gusta a berenxena ou o tomate.
A esta altura da miña historia é seguro que xa vos decatastes da miña paixón: as palabras. Gústanme as palabras, descompoñelas, mirarlles o interior e descubrir as caprichosas formas das súas letras. E isto, en parte, foi o que me salvou dunha morte segura. Do fatal episodio que pretendo relatarvos quedoume un lixeiro tremor unido á perda do equilibrio, que se acentúa cando estou nerviosa, e algún episodio convulsivo, que nos últimos tempos foi remitindo.
Cando saín do estado de hibernación a vinte e cinco centímetros de profundidade, nunha granxa do oeste Pennsylvania, estaba exhausta e desorientada. Foi un 27 de maio, ía moita calor e a luz do sol cegárame de tal xeito que en lugar de buscar a protección entre as herbas, acabei na man de Rachel.
A casualidade fixo que a miña chegada coincidise co noveno aniversario de aquela nena de ollada transparente, o que ela considerou como un agasallo da natureza.
Fixémonos inseparables. Cada tarde, subida ao grande lazo que lle adornaba o cabelo, Rachel levábame á sombra dunha árbore onde sentaba a ler sen descanso todo o que nas súas mans caía sobre o noso planeta. Rachel, ademais, escribía historias sobre animais e aos once anos publicou o seu primeiro conto. Aínda que a nosa casa estaba lonxe da costa, Rachel sentía fascinación por todo o relacionado co océano e devecía por ver o mar.
Medrei a carón de aquela nena que se fixo maior ata que un día traspasou nas puntas dos pés a porta para entrar no mundo da ciencia, nunha época na que as mulleres eran invisibles. En 1932, Rachel Carson rematou os estudos de bioloxía e posteriormente impartiu clases de zooloxía na Universidade de Maryland. Por aquel entón pasaba os veráns estudando no Laboratorio de Bioloxía Mariña Woods Hole, en Massachusetts, e foi alí onde descubrimos o mar.
Acomodada nas ondas do seu cabelo, seguín a observar a vida a través dos ollos de Rachel. A miña amiga non deixou de escribir e a súa primeira obra, Baixo o vento do mar, describe a loita pola vida nos océanos. A de Rachel estaba definitivamente vinculada ao mar. En O mar que nos rodea, describiu os procesos de formación da Terra e dos océanos. Construíu unha casa na costa de Maine e despois embarcou nun barco pesqueiro, experiencia que deu como resultado a publicación en 1955 do último libro da súa triloxía mariña, A beira do mar, unha guía da vida no mar.
Eu volvera un tempo á nosa granxa. Ao pouco da miña chegada estaba inqueda, botaba en falta a Rachel. Ao meu redor vía aos outros escaravellos con caras de preocupación, os paxaros xa non nos buscaban e o noso mundo enchíase de baleiro. Decateime do continuo paso dunha avioneta que deitaba unha nube de po húmido sobre a terra cultivada e facía máis notorio o silencio. Preguntei que pasaba, pero ninguén falaba. Algúns insectos comezaron a enfermar. A maioría tiña náuseas e visión borrosa.

Eu non notei os primeiros síntomas ata meses máis tarde. Daquela decidín achegarme aos humanos, ao fin e ao cabo estaba afeita a vivir canda eles. E foi así cando descubrín un bidón con tres letras impresas que dicían .
A miña curiosidade polas palabras levoume a buscar o significado de aquelas letras e souben que corresponden as iniciais de dicloro-difenil-tricloroetano, un potente insecticida que eliminaba as pragas de insectos portadores do paludismo, a febre amarela e outras enfermidades, pero tamén a pequenos insectos, abellas, paxaros, vermes... Decidín tomar precaucións e procurei a comida con moito coidado. Sentíame desprotexida e cada vez botaba máis en falta á miña amiga.
Pero Rachel continuaba a súa loita silenciosa pola protección do medio ambiente. Recibira unha carta duns amigos de Cabo Cod na que lle describían como aqueles avións que deitaban o DDT sobre os cultivos mataran numerosos paxaros das súas terras. Rachel decidiu que alertaría ao mundo do perigo do uso do DDT e de outros pesticidas. Así comezou un proxecto que durou catro anos recollendo datos que lle permitisen probar os danos medio ambientais que causaba o DDT, e que concluíu coa publicación da súa Primavera Silenciosa, que sentaría as bases para que ninguén puidese vender contaminación baixo o pretexto do progreso.
Viviamos en Maryland cando se apagou a vida de Rachel. A miña amiga despedíase como vivira, discreta e silandeira. Pero daquela a súa obra xa comezara a falar en voz alta. E non había volta atrás. Ollei a Rachel no seu adeus e volvín ver aquela nena de ollada transparente que un día me ensinou algo moi importante, que eu vos quero transmitir hoxe a todos vós. Isto é, que os humanos só seredes conscientes do que vos rodea cando sexades quen de vervos como a infinitésima parte dun universo incriblemente vasto e formidable.
Eu sei quen son. Unha Leptinotarsa decemlineata, coñecida máis comunmente como escaravello da pataca, un insecto de a penas un centímetro, a quen lle gustan tamén os tomates e as berenxenas.