O voo dunha bolboreta

—Xurxo! pilota o dron con máis tino! O escáner lidar montado nel é unha xoia que non se pode estragar tan afastados da civilización; polo menos, a tecnolóxica –pide nervioso Xiao.
—Non sufras, home, levo anos practicando e teño tantas horas de voo que parezo un piloto de aeroliña!
Nun bosque da provincia de Hubei, entre os ríos Amarelo e Yangtsé, Xurxo, xunto con varios científicos chineses, proponse atopar restos arqueolóxicos, ou o que se terce, aproveitando o excepcional permiso do goberno asiático. O escaneado vai procesándose no portátil ao mesmo tempo que sobrevoa o bosque.
—Non podo crer o que estou a ver! Xiao, Shui, mirade isto!
Na pantalla aparece unha estrutura, aínda que non perfecta por mor da vexetación, compatible cunha edificación rodeada dun foxo. O grupo dirixiuse cara a alí. Os investigadores e os axudantes puxéronse a limpar unha pequena elevación do bosque que coincidía co punto no portátil. Tras varias horas removendo restos vexetais, atoparon parte dun muro. Se non fose polo lidar, endexamais atoparían algo semellante.
—Parece que o muro segue cara a abaixo! –exclama Shui, moi excitada.
—Imos ver onde nos leva. Facede quendas de traballo para non deterse nin de noite! –ordénalle Xiao ao resto da tropa.
Os traballadores colocan luces e conéctanas a un xerador para poder ver o que fan durante as horas de escuridade. Tras un par de días retirando material chegan a un punto no que as raíces dunha árbore penetran fortemente o muro.
—Ide con tino, as pedras baixo as raíces están soltas. Tentade sacalas sen danar a árbore –aconsella Xurxo mentres Xiao e Shui miran abraiados cara a el.
—Que? Son amante das plantas e non quero mancala. Ademais, faille de sostén ao muro xa que a raíz e grosa e forte.
Xiao e Shui, xunto cos traballadores próximos, inclínanse lentamente cara a Xurxo en sinal de respecto, dando a entender que tamén eran os seus principios, e Xurxo responde coa mesma reverencia.
Tras a retirada das pedras, un oco duns cincuenta centímetros de lado permite a entrada a unha nova estancia. Os científicos colocan as mochilas, os cascos protectores, luces e entran decididos.
—Vaia, outro muro! Pero este parece que é de xeso...
—Si, Xurxo, probablemente estea feito de ladrillo e cascallos recuberto deste xeso. Muro exterior compacto e duradeiro, muro interior... Oxalá non me equivoque pero dentro deste muro ten que haber unha edificación –afirma Shui, moi didáctica.
Camiñan lentamente polo espazo entre muros, que é duns catro metros, ata que atopan un pórtico con dous dragóns gardándoo. Ao entraren poden ver, a uns dez metros, dous guerreiros que custodian unha entrada cuxa porta xa non existe.
—Vaites! Guerreiros de terracota! Se non me trabuco, deben ter máis de dous mil douscentos anos.
—Non te equivocas, Xurxo –asegura Shui–. É moi probable que sexan da dinastía Qin. Que farán aquí?
Cando entran pola porta, ven no centro da estancia unha especie de altar cunha pedra duns trinta centímetros de diámetro. Xurxo abre a mochila e saca unhas lentes de aumento para observala máis de preto.
—É un meteorito. A maior parte condrita, pero ten zonas metálicas. Tería que analizalo para estar seguro da súa composición. Que dicides, Xiao, Shui?
—Se está aquí, tan protexido e defendido, deberiamos investigar o porqué, non si?
Xurxo extrae da mochila unha broca especial con recollida de restos. Fai unha pequena fenda que penetra no meteorito uns dez centímetros mentres o po resultante se vai acumulando nunha pipeta.
Ao sacar a broca sae po a gran velocidade e a meirande parte del para na cara de Xurxo, que tenta non aspirar nada, pero un ataque de tose fai que teña que boquexar profundamente. Non o sabe, pero o material rochoso inspirado contén ARNm que agardaba no meteorito e que entra no seu torrente sanguíneo, penetra nas células e comeza a formar un novo ARN no seu ribosoma.
Horas despois, na tenda de campaña, o corpo de Xurxo comeza a loitar cos cambios que experimenta e que lle provocan unha elevada febre ao tempo que o ARN se multiplica a gran velocidade. A calor do lugar e a súa humidade, xunto coa temperatura extra do corpo de Xurxo, fan que os mosquitos se sintan atraídos e o piquen sen descanso.
Xurxo sae da tenda por auga e os mosquitos, fartos de comer, saen fuxindo dos seus espaventos. Un pequeno morcego que saíra a cazar atópase co inesperado banquete de mosquitos repletos de sangue e fai un festín con eles. O sistema inmune do morcego loita co ARN, pero este consegue mudar un dos virus que leva no seu corpo sen que sequera se decate.
E tan contento seguiría se non o cazasen e o levasen ao mercado de Wuhan. Pero iso xa é outra historia...
  • Visto: 26

© 2022-2023 Inspiraciencia. Todos los derechos reservados. Los textos, ilustraciones, fotografías y documentos son propiedad de sus respectivos autores. Los relatos ganadores podrán ser publicados en medios físicos y digitales, siempre mencionando la autoría. Imágenes: Freepik, Unsplash