Skip to main content

Improvisar, adaptarse, sobrevivir

Cando colgou o teléfono, Iria estaba desacougada. Non daba creto. Que ía facer? Aquela era unha oportunidade que levaba 20 anos buscando, e agora que por fin podía conseguila tiña medo, ansiedade, inseguridade, e non sabía se realmente a merecía.
“Respira, Iria, pensa”- díxose a si mesma. Unha bágoa esvaroulle pola meixela. “Que pasará cos nenos? Aínda son meniños (5 e 7 anos), e están acostumados a estar comigo todo o día: almorzamos xuntos, comemos xuntos, pasamos as tardes xuntos xogando no parque, ceamos xuntos...” Se agora aceptaba o novo traballo, tería que marchares de campaña e estar algunhas semanas fóra de casa, e deixaría un traballo indefinido por un proxecto de 3 anos. Sentíase unha mala nai, unha egoísta, e comezou a chorar.
Pero, acaso no era esta unha oportunidade? Non levaba acaso os últimos 15 anos nun traballo que aborrecía? Que vale, dáballe de comer, e tiña tempo libre para estar cos fillos, pero sendo honestos, era moi pouco motivador.
Inspirou profundamente polo nariz, como lles dicía aos seu meniños cando estaban intranquilos, aguantou uns segundos o aire, e soltouno lentamente pola boca. Outra vez. Outra máis. Outra. Comezou a tranquilizarse. Improvisar, adaptarse, sobrevivir. Era o lema familiar. Os plans nunca lles saíran ben, pero o de improvisar, adaptarse aos cambios repentinos e tirar para diante si. Iso facíano de fábula. Xa 4 anos antes o fixeran, cando á súa parella xurdíralle un posto de traballo a máis de 1000 quilómetros da terriña. Era unha boa oportunidade e non o dubidaron. O importante era estaren os catro xuntos, a familia unida. E a verdade é que fora un bo cambio, coñeceran xente estupenda, e sentíanse ben. “Os cambios asustan, pero non hai que terlles medo”, díxose tratando de convencerse. Pediría unha excedencia no traballo que estaba agora, e daría o salto ao novo proxecto. Si, estaba decidido. “Confía, Iria, se te queren no proxecto, é porque contan contigo, na túa capacidade”.
Cando chegou a casa e llo explicou aos seus fillos, quedaron abraiados. Mamá, unha científica? Embarcaría rumbo a Antártida a estudiares o cambio climático? O maior púxose moi contento, sentíase orgulloso dela. O pequeno, contaxiouse un pouco do seu irmán, pero tiña un certo desacougo. Volverás, verdade mamá? Dicíalle mentres a abrazaba coa forza dun oso, dun oso de 4 anos. Volverei, díxolle ela, mentres lle devolvía ese abrazo de oso, pero dunha osa de corenta anos. Abrazáronse os catro, mentres a gata os miraba con curiosidade. A vertixe polo cambio seguía aí, pero polo menos sentía que podía afrontalo.
  • Hits: 119