Skip to main content

O buraco

Había unha vez un buraco no medio e medio dun verme. Como chegara ata alí ninguén sabería explicalo pero éche ben certo que o tal anélido sentíase moi orgulloso do seu buraquiño. Dende que o tiña convertérase na estrela do xardín: formigas, chinches, arañas, incluso os esquivos lepismas achegábanse a admiralo, nin que fose algodón de azucre.

De xardín en xardín e de horta en horta, o rumor da mioca fachendosa e do seu buraquiño chegou ós oídos dun coñecido entomólogo.
- Pero ese verme de qué especie ven sendo?
- Ppss, éche unha normalísima miñoca.
- E o buraco?
- Ah, o buraco! Escuro, dun negro resplandecente, canto máis o miras máis dá a sensación de velo saltaricar. E como describir o son que emerxe do seu interior? Unha sinfonía celestial, iso.

Non crendo en semellante marabilla, o desconfiado entomólogo fíxose levar ata ela. Individuar a lombriga e collela na man para proceder a unha observación minuciosa foi pan comido, pero nada máis achegar a orella a aquel buraco minúsculo sentiuse absorbido polo mesmo. Nun instante atopouse zarandeado arriba e abaixo, a dereita e a esquerda, envolto na escuridade, aplastado polo peso de mil bois postos un enriba do outro, virado e revirado, desintegrado e recomposto.

Cando todo acabou, mallado, desorientado e aturdido, atopouse no xardín do laboratorio que lle viña ó encontro unha mosca da froita.

- Xa coñeces a nova? Hai un buraco no medio e medio dun verme.
  • Hits: 108