Skip to main content

Episteme

Episteme, meus rapaces, contemplar pra coñecer:
Pensade nunha araña, atrapada pola chuvia, nunha charca, loitando pola súa vida. Un home acércase cun pau e recóllea, deixándoa fora da auga, salvándoa, e vaise contento. Non lle desexa mal a ningunha criatura.
Que pensará a araña deste home? Pode sequera concibilo, no caso de que puidese ver máis alá do pau ao que puido aferrarse? O home é máis de mil veces maior en tamaño que a araña, é unha montaña polo que a ela respecta; a conformación do seu corpo non se asemella en nada á súa, élle incomprensíbel. Onde están as súas oito patas, os seus oito ollos, onde fica a súa cabeza? Como saber como funciona aquel ente? Ou que é? Ou por que a axuda? Sabe que está vivo, que é poderoso e intimidatorio.
Se en vez de este home tivera sido outro o que albiscara á araña debaténdose na charca, podería ter sucedido outra cousa. Outro home podería terse aniñado, contemplado á araña pelexando pola vida, desfrutado co miúdo espectáculo de vela morrer afogada. Podería non ter feito nada, deixando que o destino seguise o seu curso, gozar mesmo da súa cruel inacción.
Un terceiro home podería simplemente tela pisado co pé, levado polo odio, polo noxo á súa estirpe inferior e perniciosa.
Pero supoñamos que só existiu o primeiro home, o que a libra da morte cun pau. Que sabe, que pode saber a araña entón? Se só puido reparar no pau, e non naquel que o suxeitaba, pensará que foi a sorte, talvez o destino. Se sabe que é o home o que a salvou con aquel simple garabullo, non crerá que se trata dun deus? É un ser inconcibibelmente poderoso, cuns designios inescrutábeis, cunha vontade ignota, que decide sobre a vida e a morte. Que pode facer a araña?
Pode marchar, dándolle as costas, omitilo, pensar que forma parte da orde natural das cousas, que ela simple e sinxelamente tiña dereito a ser salvada, que o que sucedeu, sucedeu así do mesmo xeito que puido suceder doutro modo. Pode porén, sentir agradecemento, ficar confundida un intre, sen saber que contrapartida pode ofrendar a aquel deus pola súa acción; e logo marchar dicindo un inaudíbel “grazas” arácnido, prometer a quen non lle pode entender que noutra ocasión o agasallará cunha mosca ou cun escaravello, envolto con agarimo na súa recia tea, por se o deus gusta daquel manxar ao que tanto custa dar caza.
Ou tamén pode tomar ao deus como unha ameaza. Irse resolta cara el, picalo, facerlle dano; descoñecedora de que a tal ofensa rematará axiña coa súa vida dun lapote.
Pensade vós agora en todo iso. Sede a araña sen deixar de ser homes. Sabedes que hai forzas tremendas. Unhas poucas que axudan, algunhas que só observan e outras que fan mal. Que teñen unha forma que non podedes comprender ou asimilar. Porque non teñen dous brazos e dúas pernas. Non andan ergueitas. Pode que sexan mil veces máis grandes ca nós, que non estean feitos dunha contextura de carne e ósos. E que usen os seus paus pra interactuar con nós. Que coma os homes, sexan capaces de transformar cousas comúns en artefactos de inmenso poder, grazas a un intelecto superior.
E que podemos facer nós? O mesmo ca araña, podemos darlle as costas, crernos os seres máis especiais da Natureza. Podemos tamén tentar agradecer o que fan por nós, na nosa –quizabes– inintelixíbel lingua, e inda con sacrificios torpes, inútiles pra seres superiores, pero que nos supoñan un alto custo, de xeito que entendan un sincero agradecemento –concepto universal! –. Ou podemos revolvernos, tentar facerlles dano, e morrer finalmente esmagallados polo seu poder infindo.
Non hai dúbida de que os deuses existen. Ou, se non queredes chamalos así, digamos forzas vivas, poderosas e intimidatorias. E de que nunca chegaremos a comprendelos en plenitude. E que o mesmo que os homes, hainos, con respecto a nós, bos, indiferentes e malos. Seguramente representamos moi pouco na súa existencia xeral. Como a araña pra o home.
Tal como entendemos que o mellor que a araña podía facer era mostrarse agradecida, así debemos facer nós. Cos deuses e cos homes. Este é o principio de toda ensinanza, da nosa paideia: actuar sempre de acordo á virtude, á areté. Sede magnánimos, gardade temperanza e insistide na xustiza. E tras diso, unicamente agardade que aquel con quen vos crucedes nun transo vital –cando esteades a afogar na charca– sexa o deus bo.
Así dicía ARISTÓTELES, de pé, no centro dun círculo formado por doce mozos sedentes, presentándose aos que habían ser os seus pupilos no ninfeo de Mieza: Alexandre, Ptolomeo, Hefestión, Casandro, Pérdicas, Seleuco, Crátero, Leonato, Lisímaco, Meleagro, Erixio e Proteas. Catro deles foron reis. E outros catro morreron pola man dos que cinguiron a coroa.
  • Hits: 132