Skip to main content

Bacterias comedoras de plástico. O tempo como solución

É o tempo o noso inimigo?. Ás veces desexariamos que se detivese e nos deixara gozar do momento presente, outras que desaparecera no chisco dun ollo e nos trasladara a un futuro imaxinado; pero de seguro alguén o verá desgastándose paseniño pintado as súas vidas de cores.
Necesitamos do tempo para situar correctamente eventos futuros que non aconteceron pero que programamos ou soñamos. Tamén sucesos e experiencias vitais do pasado que nos marcaron. Pero, existe na realidade pasado e futuro ou só o efémero tempo presente na concepción de Heráclito…?
A importancia do tempo e o tempo mesmo parecen ser relativos, pero incluso uns seres vivos como as bacterias lle poden dar significado a pesar de non seren conscientes. Moitos avances derivados da ciencia teñen que ver coa experiencia do tempo, absoluto ou relativo como factor fundamental e decisivo.
Bacterias comedoras de plástico acortan o tempo da súa descomposición : podería ser o titular do descubrimento científico que ten incidencia directa na solución do que se presenta coma un grande problema para a supervivencia e diversidade de todos os seres vivos do planeta.
Decenas de millóns de toneladas de plásticos, maiormente PET (poliperaftalato de etileno) producidas anualmente van parar ao mar e a diferentes ecosistemas terrestres. O fundamental deste descubrimento ten que ver co tempo. A loita por atopar un método para descompoñer os PET ten dado o seus froitos tralo descubrimento de microorganismos capaces de descompoñer as súas estruturas cristalinas en dióxido de carbono e auga.
O traballo investigador de Kohei Oda no Instituto Tecnolóxico de Kyoto é moi esperanzador. A substancia que se obtén ao descompoñer o PET mediante a enzima ISF6-4831 permite rematar o proceso en poucos días o que á natureza lle levaría centos de anos.
Este acurtamento temporal sería o soño en numerosos eidos e investigacións científicas e tecnolóxicas. Como modificar o tecido espazo-temporal para os futuros viaxes intergalácticos? A tecnoloxía do futuro atopará a forma de facer realidade o que a teoría parece indicar como posible.
Pero de seguro que tamén calquera de nos no seu traballo apostaría por atopar como reducir o tempo do que nos resulta insoportable.
Deixemos voar a imaxinación... pero mentres o noso deber é loitar pola redución do consumo de recursos naturais, a reciclaxe e a reutilización. Se queremos ter futuro neste planeta temos que tomar partido polo que a investigación científica nos mostra como indispensable e urxente. De todos e todas nos depende a adecuada utilización, no camiño do decrecemento, de todo o que a natureza nos proporciona. Os chanzos que subamos por este camiño darán posibilidades de supervivencia ao único fogar que temos, e manterán a esperanza de que a evolución da vida e a diversidade seguirán o seu camiño neste rincón do universo. O tempo sempre aportará o seu servizo indispensable. O resto dependerá dos "sapiens".
  • Hits: 46