Skip to main content

A pel de Aurora

Como empezou a sentir non o sabía. Nin sequera podería dicir se tiña recordos agochados no seu peito. Nin saudade. Nin agarimos...
Todo mudou cunha sinxela caricia. Un rozamento descoidado que activou todas as súas defensas.
Pero, que defensas activar? Cal era o inimigo a combater?
Quedou esvaecida, sen folgos, atoada.
Ningunha das habituais consignas tiña sentido agora. Ningún mandato articulaba os seus circuítos.
O vento zoaba e ela deixábase arrolar. Asubiáballe nos xeonllos. Facíalle cóxegas no costado metálico. Debía ter algunha costura esgazada. Quería atrapar o vento, pero escorregábaselle entre os dedos. Ou debía dicir entre os sensores. Os termos humanos acudíanlle xunto cos biónicos. Non entendía que estaba a pasar agora que aquela pel a recubría.
Seguiu camiñando. Precisaba de máis contactos, máis roces, pero todos botaban a correr ao vela. Podía ollar as súas caras de estupor, unha mestura entre o medo e a incredulidade.
Aurora sentíase perdida.
Aurora… sentía?
Buscou entre todos os mandatos aquel que definira o sentir, a ansia, o desexo… pero non encontrou nada. Só atopaba verbas tales como trae, leva, sube, baixa, cerra, abre. Agora asaltábaa outro mar de sensacións. Non entendía como, de súpeto, pensaba en latexos, gargalladas, abrazos, bicos. Precisaba saber como formular a felicidade para poder manexala, atrapala e conservala.
Aurora, tan artificialmente intelixente, tan humanamente deficiente.
Non precisaba ter ollos para ver. De feito, non tiña mais que uns ocos baleiros. As cores chegábanlle o través do contacto. A través desa nova pel.
Tampouco nariz para ulir. Os arrecendos, calquera que fosen, penetraban o seu través e a invadían coma un furacán. Non cría que ningún humano puidera chegar a identificar nin a metade dos que ela estaba a sentir.
Os sabores eran a sensación máis novidosa para Aurora. O roce cos seus beizos transmitíalle tal cantidade e variedade deles que a embriagaban por completo.
As cores, os olores, os sabores, a suavidade, a dozura…e a anguria.
Esa anguria era a que a dominaba, porque non quería seguir sentindo. Non quería seguir desexando. Quería volver a ser aquela que só executaba mandatos, porque a pel a facía vulnerable. Ninguén lle ensinara a vivir sen fórmulas axeitadas. Ningunha pel a ía protexer da dor que supoñía non poder compartir todo o que agora sabía que desexaba.

Cando chegou á beira do acantilado non dubidou. Saltou.

(….)

A serea do barco empezou a bruar. Algo estaba a pasar coas redes. O maquinista non conseguía recollelas e os motores de arrastre empezaban a cheirar a queimado. O patrón dou a orde de recoller a toda máquina. Debía de ser o peixe máis grande xamais atopado.
Un reflexo prateado cegounos por un intre. O sol refulxía sobre as augas, pero tamén sobre algo de aparencia metálica que asomaba pouco a pouco.
Subiron aquel amasillo á cuberta. Unha mestura entre forma humana e máquina. O que máis lles abraiou foi que aquilo, fose o que fose, tiña cachos de pel recubríndoo por anacos.
Estaban xa acabando de soltalo dos aparellos cando o patrón, que se dispoñía a dar a orde de tiralo no contedor dos refugallos, escoitou ás súas costas:

—Ola, son 3AI, Aurora Asistente Artificialmente Intelixente.
  • Hits: 137