Skip to main content

Diálogo entre improbables afortunados

-Eu: Querido ti, son eu, dende o pasado.

-Ti: Un xeito orixinal de comezar, pensas ti, quizais. Mais non todo o que ben comeza, ben acaba. Vexamos como prosegue, pode que puntualice o teu encéfalo.

-Eu: Probablemente non nos coñezamos de nada, mais moito é o que de seu xa sei de ti. Calma, non é maxia nin truco, senón ciencia e facto.

-Ti: A verdade é que polo momento ten a sua intriga, sintes agora mentras certas das tuas neuronas motoras -que ata o momento se atopaban desocupadas- descargan ao unísono as sinais nerviosas necesarias (en forma de impulsos eléctricos) pra debuxar -a través dunha precisa e coordinada contracción muscular- un xesto de curiosidade na tua faciana. Un xesto que, dependendo da persoa coa que me estea a comunicar, será máis ou menos marcado (remarco antes de comezar a pensar na seguinte frase).

-Eu: En realidade, non sei quen es exacta-mente. Sen dúbida algunha, eres un "eu" que so ti coñeces e sabes que es, da mesma maneira que eu son un "eu" que so eu coñezo e sei que son. Non obstante, dende unha perspectiva científico-filosófica e a escala cósmica, atreveríame a conxeturar que a diferencia entre a tua e a miña mente é, verdadeira-mente, insignificante.

-Ti: Mmm, interesante, pode que penses (ou non, o caso é que me da xogo pensar o que ti podes estar a pensar, ao tempo que me permite xerar este diálogo virtual).

-Eu: A efectos prácticos, en efecto, os seres con mente coma nós somos casi un mesmo ente; dous cachos separados do Universo consciente, cuxa materia reciclada foi nada, orixinaria e elemental-mente, nunha horta cósmica fertilizada con átomos de vellos astros e supernovas.

-Ti: Poético.

-Eu: Ás veces, a realidade científica é pura poesía e supera incluso a mellor das líricas de Rosalía. Pero espera, que teño máis que esbardallar. De momento, a única especie da que temos constancia na Terra capaz de descifrar mensaxes é Homo sapiens. Asumo, polo tanto, que es un ser humano; aínda que nos tempos que corren ben que te poderías tratar dunha intelixencia artificial (AI). A sua vez, como é altísimamente improbable que este texto sexa traducido a ningunha outra lingua en ningún momento, se chegaches ata aquí, asumo que sabes galego. O galego é unha fermosísima lingua que, por desgracia do gradual desuso trans-xeracional ao que se está a ver sometida e o seu limitado rango xeográfico, pode que teña os anos contados. Como tal, podo aventurar que falo cun humano galego dos séculos XXI ou XXII. Sen embargo, sen importar de onde veñas nin quen sexas, a tua existencia é probabilisticamente un milagre produto dunha infinitude de efectos bolboreta. Do Big Bang á fecundación do óvulo de tua nai, tivo que darse toda unha combinatoria virtualmente imposible de dinámicas e resultados entrelazados. Pasando pola formación de múltiples xeracións de estrelas, unha nebulosa solar propicia para a aparición dunha zona de Goldilocks, e toda unha complexa secuencia evolutiva posterior que, de volver a comezar, endexamais se repetiría. A pesares de todas as circunstancias cósmicas, un bo día a Terra deu lugar a túa molécula de ADN, cuxas instruccións darían lugar, anos máis tarde, en combinación coa cultura asimilada polo teu cerebro, a ese cacho de universe consciente tan particular que agora mesmo es.

-Ti: (sen dicir ou facer nada)

-Eu: Que foi? Que te empezas a aburrir, ou que?

-Ti: E logo? Por qué?

-Eu: Era broma, unha mera charabisca pra acabar cunha chisca de retranca, pois o humor -como a amizade e o amor- xera felicidade. Así o apoia certa evidencia. E dado que habitamos un Universo estocástico carente de propósito de ningunha clase, mais cargado de amplas doses de simpatía, ledicia e estética, numerosas son as razóns pra rir, gozar e abrazarmos o caos da existencia.

-Ti: Está ben rematar cunha mensaxe positiva.

-Eu: En efecto, a ciencia -grazas a todo o coñecemento que pouquiño a pouco vai destilanado do Cosmos- convídanos a apreciar a Natureza a pesares da máis intrínsica absurdeza, como diría Camus. Ao fin e ao cabo, so por sermos seres que saben que son, tí e máis eu -xunto co resto da consciencia- somos absoluta-mente uns improbables afortunados.
  • Hits: 93