Skip to main content

O mal que eu traio

“Pico Sacro, Pico Sacro, sándame deste mal que eu traio”.
Este é o conxuro que, segundo a tradición, hai que pronunciar para invocar as propiedades curativas deste monte sagrado, situado preto de Compostela. As lendas que falan deste lugar son moitas e, polo xeral, ben coñecidas. No entanto, o que pouca xente sabe é que existen historias reais, igualmente fascinantes e relativamente recentes, que non fan máis que salientar a espiritualidade do Pico Sacro.
Os máis vellos aínda lembran a historia do mineiro inglés que chegou a Galicia a finais do século XIX na procura das minas de ouro romanas que tanto mencionaba Plinio. Ao inglés chegáranlle noticias de que a cova do Pico era obra dos romanos, polo que decidiu comezar as súas pesquisas aquí.
Dáse a casualidade de que o día da súa chegada eran as festas locais. Finalizada a misa, a maioría de veciños marcharon. Só ficaron o inglés máis un grupo de vellos que apenas podían erguerse e manterse en pé. Acto seguido, os vellos formaron unha fila india e iniciaron unha procesión ata chegar á cova. Entón, cada un colleu unha pedra do chan e, na máis estrita orde, fóronse arrimando ao buraco para lanzar a pedra mentres pronunciaban o conxuro. Abraiado polo que acababa de ver, o inglés non puido evitar preguntarlle a un dos vellos por que tiraban as pedras. O vello esbozou un sorriso e contestoulle: “non che sei; facémolo así porque sempre foi así”.
Sen máis tempo que perder, o inglés determinou axiña que a cova do Pico non era unha mina de ouro romana, senón unha sima de formación natural. Malia a decepción, seguiu procurando evidencias de minería antiga pola zona, e pronto deu cunha serie de labores nas beiras dos ríos Xallas, Zas e Anllóns. Ora ben, a cantidade de ouro que aquí atopou era insuficiente como para comezar unha explotación industrial. Por iso, seguiu o seu camiño para encontrar minas de maior entidade, ata que chegou á máis espectacular de todas: As Médulas.
Foi entón cando o inglés se deu conta de que o relato de Plinio sobre a ruina montium era certo. Pero a ledicia non lle durou moito, pois as analíticas demostraron que as leis de ouro tampouco eran elevadas. Con todo, o inglés nunca desistiu do seu soño e decidiu asentarse na zona, onde viviu como un veciño máis.
Cincuenta anos despois, un xoven arqueólogo francés petou na porta do inglés para preguntarlle se tiña algún plano das labores modernas nas Médulas. O inglés ensinoulle de moi boa gana todo canto tiña, satisfeito de que, por fin, alguén mostraba interese no seu traballo. Ambos compartiron unha larga e agradable conversa ata que se fixo tarde. Pero cando o francés estaba para marchar, o inglés espetoulle:
-“Que pena que os romanos levaran todo canto ouro había aquí; se non seriamos ricos”.
Ao que o francés respondeu:
-“Uhmm... iso non é de todo así. En época romana as leis do noroeste eran tan baixas como o son na actualidade. O que pasa é que hoxe en día os custos de man de obra e maquinaria exceden aos potenciais beneficios. Por iso non son rendibles para nós, mentres que para Roma si o eran”.
O inglés non daba crédito ao que acababa de escoitar. Todo o seu proxecto de vida estivera baseado nunha fe cega en que o noroeste de España podía ser un novo “Dorado”. Agora, de súpeto, sentía que estaba espertando dun feitizo argallado por Plinio fai dous mil anos.
Pasaron varios días ata que finalmente o inglés considerou que era o momento de retornar a Londres. De camiño ao aeroporto, contemplou ao lexos a inconfundible silueta do Pico Sacro, polo que decidiu desviarse un momento. Ao fin e ao cabo, esta fora a súa primeira parada en Galicia e era xusto que tamén fose a última. Xa dende o cumio, contemplou en silencio a vista panorámica, centrando a súa mirada nas torres da catedral. Nese intre, o inglés reparou no absurdo que sería volver agora a Londres sendo vello, deixando atrás unha terra na que vivira a maior parte da súa vida. Se nalgún sitio tiña que morrer -pensou- sería aquí.
O inglés xa estaba baixando cando se lembrou daquel estraño rito pagano que presenciara tempo atrás. Os anos non pasaran de balde, e coa mesma dificultade para moverse que os vellos daquela esperpéntica procesión, o inglés chegou á cova. Entón, sacou da carteira unha pequena mostra de cuarzo aurífero, envolveuna no billete de avión, e dispúxose a facer o ritual. O inglés pechou os ollos con todas as súas forzas, pero nin así puido evitar que lle saísen as bágoas. Tras unha respiración profunda, pronunciou as que serían as súas derradeiras palabras:
“Pico Sacro, Pico Sacro, sándame deste mal que eu traio”.
  • Hits: 131