Skip to main content

H, TEMPLO E LITURXIA

Pepes Reinante

Na eternidade silandeira, o templo H existía retirado sobre si mesmo. Non vestía paredes de pedra, senón de inconsistente material onírico, unha substancia entre brétema e cristal de vibrante luz latexante; salaio conxelado no éter. No centro xeométrico do vasto e íntimo templo, sobre o altar de pura gravitación, repousaba o Oficiante.

Non era humano, senón presenza inmensa, serena e vermella. Unha envolvente de atención absoluta que pesaba tridimensionalmente sobre o espazo, curvándoo ao seu redor. Non se movía. Non precisaba facelo. Todo xiraba en torno a si.

Acompañábao un paxaro, Colibrí: destello de pura potencialidade, un azul eléctrico que non ocupaba un lugar, senón todos á vez agás o sagrado espazo de Oficiante. O seu voo estatístico soaba coma rumor. Os muros do templo non o engaiolaban, só definían a cartografía dos seus hábitos. Onde a luz das paredes era máis densa e dourada, era onde a Colibrí lle gustaba mostrase sen deixarse ver, pois non se certificaba máis ca coma unha certeza súpeta, coma un pregamento da probabilidade.

A danza de Colibrí tiña querencia polo coro baixo, preto do manto vermello de Oficiante. Eran os eidos para o voo máis descansados.
—Non te desfondas? —preguntou a voz dunha modulación do campo electromagnético que os envolvía e que só podía corresponderse coa de Oficiante.
Colibrí materializouse un nanoinstante, libando do néctar da quietude.
—Descansar é o que me cansa. Abóndame pensalo para acabar baldado.

A súa relación era así: unha atracción perfecta e unha repulsión proporcional e necesaria. Oficiante, coa súa pesadez vermella, ancoraba a realidade. Colibrí, co seu azul inquedo, posibilitaba a realidade. Se Colibrí caese sobre o altar, atraído sen remedio, o templo H enteiro colapsaría nun punto de silencio absoluto. Pero iso aínda nunca antes sucedera. Unha vertixe cuántica, un principio de incerteza, mantíña xirando e xirando sen descanso a Colibrí.

De pronto, Raio de Luz Exterior, un insecto mensaxeiro sen rostro, atravesou as paredes xelatinosas. Era un paquete discreto de significado luminoso, un fotón cunha misión exacta: incrustarse en Colibrí meténdolle unha boa viaxe.

Non houbo impulso, non houbo aceleración. Houbo só unha desaparición seguida doutra inmediata reaparición ben lonxe, teletransportación, quizais.

Colibrí desapareceu do coro baixo e reapareceu, instantaneamente, no alto, unha galería afastadísima e tenue onde a luz das paredes, fría e azulada, subliñaba o lonxe que se vía Oficiante, reducido apenas a unha brasa arredada.
—Que animal! —piou de malas Colibrí, sentindo a nova enerxía coma un traxe incómodo—. Puido avisarme antes, ou que!?
—Á mensaxe non a precede aviso —respondeu a presenza vermella sen turbarse—. Só trae a enerxía xusta para penetrar. Que agora esteas tenso é fariña doutro saco.

En efecto: o estado novo era inestábel por excitado. Colibrí non podía sosterse na distancia. A morriña do altar consumíao. E nun acto de desprendemento, de xenerosidade cósmica, cuspiu aquel fotón, expulsou o exceso de enerxía, aquel incómodo traxe, en forma doutro Raio de Luz, un salaio de cor que saíu disparado cara a fóra como fotón reconstituído, convocando a reversión do feitizo. Non caeu, desmaterializouse do coro alto e recompúxose no baixo: un novo regreso ao pasado.

O templo recobrou a vella paz. A danza da probabilidade recomezou na recursiva liturxia do átomo de H…

---

H2O, MATRIMONIO NA CATEDRAL



Peregrinación

Vén aí un terremoto de éter. Outro templo H, o Novo H agora, achegábase. Era un xemelgo estrutural: un outro sacerdote vermello cun distinto colibrí azul danzando no seu diverxente eido tridimensional de posibilidades. Por un tempo, as dúas esferas de luz latente orbitáronse con respecto na distancia, sentindo a repulsión silandeira dos seus druídas, ambos os dous vermellos e, asemade, positivamente semellantes.

Pero entón, o éter vibrou de novo como en terremoto: chegaba un terceiro visitante, outro templo, ben distinto. Era O. Maior, máis complexo. No seu centro, non había un, senón oito cregos grises e severos, un concilio de gravidade remexido nestoutro altar. E ao seu redor outros tantos oito colibrís que tecían danzas intrincadas e frenéticas en múltiples coros, enchendo o espazo cun zunido de posibilidades entrelazadas.

Colibrí, o do primeiro H, detívose, sentindo a vastidade dese novo sistema.
—Mira —marmurou cara ao seu Oficiante—. É... esmagador o templo este.
—Ten fame —sentenciou o do altar desde a súa enerxía vermella, cunha calma antiga—. Observa a foto movida. Ansía completarse. Hai dous estómagos insatisfeitos no espazo resonador do seu templo!

Efectivamente, a danza dos oito colibrís de O deixaba visibles baleiros estratéxicos, ocos na súa coreografía que chamaban a berros para seren satisfeitos. Era un templo doente con fame negra.



Fusión e crise

Lentísima foi a danza de achegamento por sedución cósmica. As paredes dos tres templos, antes diferentes, comezaron a ductilizarse simultaneamente. A luz que as conformaba estirouse como doce fundido, tocándose, remexéndose, mesturándose. Tan caótico como fermoso, o muro non separaba: conectaba e comunicaba!
(Continuará, pois sempre continúa…)