Skip to main content

O Proxecto Arbórea

Xurxo Suárez Rego

Nun laboratorio agochado baixo as rúas de Vilagarcía de Arousa, Paquiña traballaba nun proxecto secreto que parecía ciencia ficción. Como enxeñeira de alto nivel, construía unha máquina capaz de traducir os sinais eléctricos das plantas en palabras humanas. A máquina chamábase “Voz arbórea”.

Paquiña inspirárase nas ideas de transmisión de científicos tan famosos coma Nikola Tesla e Albert Einstein, convencida de que a natureza tamén emitía mensaxes que aínda non sabiamos escoitar.

Paquiña, despois de centos e centos de horas de traballo, dotara a súa máquina “Voz arbórea” dun asistente de intelixencia artificial que analizaba os impulsos microscópicos nas raíces das plantas e os convertía en palabras e frases intelixibles.

A primeira proba foi todo un un acontecemento para Paquiña, quen por fin vería se tantas horas de esforzo valeran a pena... Levou a súa máquina a un parque no centro de Vilagarcía e púxoa ao carón dun carballo centenario. Tras horas de silencio, a pantalla de “Voz arbórea” empezou a mostrar unha frase que se repetía unha e outra vez: “Auga escasa”.

Paquiña contactou coas autoridades públicas pero ninguén lle fixo caso... Con todo, ela empezou a regar o solo de forma insistente e salvou a zona verde. O éxito foi inmediato.

Aínda así, tomárona por tola e ríanse dela. Pasouno moi mal e temeu incluso que a meteran nun manicomio.

Tempo despois, a xente por fin a deixou tranquila e puido conectar de novo a súa máquina naquel parque ao carón do carballo. Ao momento apareceu unha mensaxe moi clara na pantalla de “Voz arbórea”: “Moitas grazas!”. Ela achegouse ao carballo e botou un sorriso.