Skip to main content

UNHA ÚLTIMA BÁGOA DE NOSTALXIA....

Crow

Que é o mundo sen estrelas...e, aínda máis importante, que fariamos sen a súa luz, como deixariamos a escuridade e o xélido baleiro atrás sen esa brillante enerxía.
Esas preguntas tan frecuentes na cabeza da humanidade, sempre curiosa por descubrir todo ao seu redor, parecían os soños de nenos e nenas que xamais se farían realidade.

Tras centos de miles de anos alumeando e proporcionándolle calor e protección ao noso planeta, o Sol, esa estrela tan nova e radiante, apagouse sen previo aviso, coma se tratase dunha lámpada sen corrente eléctrica.
O ceo, claro e solleiro, foi substituído ao instante por un manto negro e denso e as temperaturas, antes agradables, caeron en picado.
A xente comezou a entrar en pánico. Podía apreciarse, nos seus ollos cheos de incredulidade, desesperación e unha mestura de terror e tristeza extremas.
Algúns, crentes de diversas relixións, rezaban ou falaban para os seus dicindo cousas coma: “Este é o castigo do Señor polos nosos incontables pecados”, “Alá está ensinándonos o mal que estamos a provocar”. Os científicos e apaixonados das ciencias máis desorbitados rían e berraban: “Isto acontece cando non facedes caso ós datos. Xa o dixeron moitos que sabían. Isto ocorrería antes ou despois”. Tamén moitas persoas comúns, que empurraban a outras para abrirse paso entre todos, expoñían sen remordementos: “Non quero morrer” ou “O que merece salvarse son eu”.

Nese instante de total caos, eu mirei ó ceo, con abraio e certa curiosidade.
Sería isto un soño ou sería verdade o que estaba a acontecer?Xusto cando decidín dar a volta, xunto ás miñas costas, toda
a xente fora morrendo a unha velocidade abismal. Nenos,
anciáns, mulleres, homes... todos mortos e...por que eu non?
Que me facía especial?, por que, a pesar das extremas temperaturas, eu non me atopaba nin un pouco incómodo?
É máis, por que non sentía nin un chisco de frío? Sería realmente un soño?

-Desconectade o programa. – dixo unha voz grave e masculina ás miñas costas- Hoxe tampouco sacaremos resultados disto.

Cando conseguín dar a volta, observei como un home grande e corpulento, de cabelo louro e cun traxe semellante ao dun médico, estaba acercándose a min cunha expresión insatisfeita e fría.
Recobrei axiña a cordura...xa sabía onde estaba!
Atopábame nunha sala de reprodución de espazos e escenarios por medio de hologramas de alta sensibilidade e realismo tal, que experimentar esta experiencia e a realidade non era moi distinto.

-Estás a poñerme dos nervios. – dixo o home tras golpearme a cara coa palma da súa man dereita- Se non comezas a ser de utilidade teremos que tomar medidas drásticas - Enténdelo... ou non?- bisboume ao oído cun ton que daba arrepíos só de escoitalo.
- Si... -dixen en ton sereno, para non mostrar o terror que esa voz me provocaba.

O home indicoume que marchara pola porta da esquerda e así o fixen.
Cando cheguei ó meu cuarto, pechei a porta con delicadeza e, coma sempre facía tralas miles de probas ás que me sometían día si e día tamén, collín o libro de astronomía que tiña e lino ata quedar durmido.

Xa pasaran tres anos dende aquilo. Tres anos dende que o Sol se apagara para, despois duns minutos, volver acender coma se dun interruptor se tratase.
Tras aquilo, e ao decatarse de que eu sobrevivira ás extremas temperaturas que asolaron o planeta nese tráxico día, varios homes de cara descoñecida leváronme a este lugar, onde moitos científicos se refuxiaran ao saber que o Sol se ía apagar, este sitio que mestura un espazo de investigación cunha especie de centro psicolóxico-emocional.

Despois do “blackout” (así decidiron chamarlle, os científicos, a ese estraño fenómeno que fixo o Sol hai tres anos), a xente que aínda seguía viva a duras penas foi tratada e volveu a calma e a normalidade ao mundo. Excepto para min.

Estaba farta desta vida. Se tan só puidese pechar os ollos e esquecer que estaba aquí. Aquí, sendo tratada coma un obxecto, coma un bicho raro e coma un premio ou un xoguete deses que gañas aos dardos nas festas das vilas e que todos queren ter.
Si... se tan só puidese pechar os ollos e espertar na miña cama co sol feble rozando a miña faciana, miña nai chamando por min para avisarme que o almorzo está listo e que teño que darme présa para chegar á escola...
Esa calidez dos días de primavera, canto a boto de menos! O son dos insectos, dos veciños, dos demais nenos xogando... Mais era imposible; xamais volvería alí. Non, a menos que morrese.

Unha bágoa percorreu o meu rostro como o último suspiro de nostalxia que me quedaba. Xa non había volta atrás, tería que acostumarme a este tipo de vida ou pensar nunha forma de acabar coa miña propia existencia.