Skip to main content

Atrapada no laboratorio

Luz de Horizonte

O estalo seco foi o primeiro. Despois, un apagamento absoluto. Lucía pestanexou varias veces, coma se así puidese convencer á escuridade de disiparse. Nada. O laboratorio de química, normalmente ruidoso co son das campás extractoras, quedou nun silencio tan denso que case doía.
—Xenial… —murmurou, tanteando o seu arredor.
Viñera a rematar un informe antes de que cerrara a facultade. Un fallo eléctrico non estaba nos seus plans. Camiñou cara a porta, guiándose pola memoria, e pulsou o panel táctil. Nin un son. Nin unha luz.
A porta era electrónica. E sen electricidade, era unha muralla.
Respirou profundamente. O aire xa se sentía pesado, como se o laboratorio decidira encollerse. Non podía quedar quieta. Tiña que pensar.
Recordou que nun caixón había pilas, buscou cables e restos de grafito dos eléctrodos usados nas prácticas. Avanzou lentamente, tropezando cunha banqueta, ata atopar o caixón. Os seus dedos recoñeceron as formas.
—Vale, Lucía, pensa —díxose—. Unha lámpada básica. Nada que non fixese xa en primeiro.
Raspou un pouco de grafito, envolveuno entre dous cables pelados e conectou ambos extremos á pila. Unha chispa tenue apareceu, logo un brillo débil pero constante. Non iluminaba moito, pero era suficiente para orientarse. A pequena luz proxectaba sombras largas que facían que o laboratorio parecera una cova prehistórica chea de monstros durmidos.
O laboratorio estaba hermeticamente selado. Sen ventilación eléctrica, o aire non se renovaría. Lucía sentiu un picar de ansiedade no peito. Mirou ao seu arredor. Había plantas en macetas, usadas para experimentos de fotosíntese. Non eran moitas, pero algo axudarían.
Aínda así, necesitaba máis osíxeno. Lembrou unha práctica sinxela: a descomposición do peróxido de hidróxeno. Se encontraba un pouco e un catalizador, podería liberar osíxeno, aínda que fose en pequenas cantidades.
Rebuscou entre os reactivos coa súa luz improvisada. —Auga osixenada… e… si, dióxido de manganeso.
Mesturou cantidades pequenas nun matraz. A reacción comezou a burbullar suavemente. Non era unha solución perfecta, pero polo menos atrasaría a sensación de afogo. Sentou un momento, respirando máis tranquila mentres observaba as burbullas subir como se fosen pequeniños salvavidas.
A luz pestanexou. A pila non duraría moito. Tiña que abrir a porta antes de quedar completamente a escuras.
Acercouse ao panel electrónico. Só lle facía falta un desaparafusador para abrir aquel panel.
—E agora de onde saco eu un desaparafusador? —preguntouse cun toque de ironía.
Buscou polos estantes do laboratorio, coa pouca luz que lle quedaba abriu cada moble ata que encontrou unha chave inglesa e dous desaparafusadores. Agarrounos e dirixiuse á porta a ver se cabía algún.
Probou co primeiro, e nada. Logo conseguiu desmontalo co segundo. O interior era un pequeno labirinto de cables, pero nada que non puidese descifrar. Necesitaba crear un circuíto simple que enviara un sinal de apertura ao mecanismo.
—Unha ponte directa… se conecto isto con isto…
Cortou un cable, pelou outro, uniunos cun clip metálico. Nada. Axustou a conexión. Un chispazo. Logo, un ruído débil.
O panel emitiu un son estraño, como se espertara dun coma. Lucía contivo a respiración.
—Vamos, por favor…
Escoitouse outro son, pero este proviña do seguro da porta. Ela empurrou. A porta cedeu.
A luz do corredor golpeouna coma un abrazo cálido. Saíu rapidamente, coa pila na man e o corazón axitado.
Mentres camiñaba cara a saída do edificio, pensou no estraño que era: na clase, as reaccións químicas e os circuítos parecían conceptos abstractos. Pero alí, atrapada e sen marxe de erro, convertéranse en ferramentas de supervivencia.
Sorriu, exhausta pero orgullosa. Entrara ao laboratorio coma unha estudante máis. Pero saiu coma alguén capaz de resolver problemas cando todo colapsa.
E iso, pensou, era a verdadeira ciencia.