Sizixia
Michel Ardan
O transbordador das sete alúa tarde. Miro a través da esclusa e estás aí. Noto a estraña dualidade medo-amor do teu sorriso. Lembro que te quero, pero non cho digo. Non me apetece complicar o día.
Cólgaste de min, no teu abrazo, e non pesas nada. Non sei se é a gravidade ou se che endureceron o traballo. Cóllote con tino das costelas. Teño medo de romperchas. Durmir contigo hoxe será como apertar a néboa.
No traxecto cara á vila non dis nada. Cantaruxas polo baixo co teu sorriso ambivalente. Supoño que me dás tempo a que me adapte. A contemplar a Terra aí colgada nun minguante azul. Na Lúa, a Terra é un satélite da Lúa. Igual ca eu na Terra o son de ti, aquí tan lonxe. Entorno os ollos e trato de atopar a miña casa alá en Florida, o despacho do meu pai, o cumio das pirámides da Compañía a alumear o capitalismo occidental. Creo ver a súa sombra proxectarse sobre o Golfo, axigantada polo sol que nace ao leste. Na Terra, a liña do amencer avanza a mil seiscentos quilómetros por hora. Na Lúa, a dezaseis. Un señor en bicicleta podería saír e volver á escuridade cantas veces quixese. A luz do día semella a cortina dun chuvasco. Entramos nela e ti apresúraste a tapar o teu colgante. Queres reservalo para o evento.
No intercambiador non tomamos a dirección dos Comunais. Fago un aceno de sorpresa.
―Mamá alugou un chalé para esta noite ―dis.
Por iso estiveches tan calada. Es incapaz de gardar ningún segredo, dixéchesmo o día que nos coñecemos, pero é mentira.
―Vai ser estraño ter un cuarto para nós ―digo e douche un bico na meixela―. Até vou botar de menos durmir apertadiños na liteira.
―Así teremos algo máis de intimidade ―dis en ton de mofa―. Non esperes gran cousa. Aposto un brazo a que o baño do teu despacho no Corporativo é máis grande. Que papo tes, un baño para ti só.
Dóeme saber que fundistes o xornal de tres semanas nun pequeno espazo individual.
―Tómao como noso 24 de xullo ―dis, e o teu sorriso medo-amor colle un pico de quentura.
O habitáculo en efecto é moi pequeno. Salón-cociña, retrete-ducha e dormitorio. A cama dobre ocupa toda a habitación. A túa nai saúdame cunha aperta esperanza-respecto. Cheira a cea lista: pavo sintético e verdura de importación. A paga doutra semana. Os aforros de seis meses nunha noite.
Ceamos. A túa nai actúa coma unha serventa. Apenas senta na mesa. Remexe nos trastes baleiros da cociña. Déixanos o noso tempo, o noso espazo, e non sabe onde meterse. Escúsase e marcha ao baño, está tan delgada coma ti. Ti apóiaste na mesa e dásme un bico, o teu colgante báteme no peito e rompe.
―Non te preocupes ―dis―, todo ten arranxo.
Érgome con coidado e apértote tremendo. Se non levase os pesos, batería coa cabeza no teito.
Pasa o tempo.
―Veña, Mari, que é hora ―A túa nai sae do baño aburada―. Non quereredes perdelo?
Entra no dormitorio e saca os traxes.
―Están acabados de limpar. Seguro que non che importa usar o do meu marido? ―Pasa o dedo por un ollo―. Igual che queda un pouco estreito. Os criados alá arriba tedes tanta…
Son as once alá en Florida. Saímos do edificio a través esclusa. Sorpréndeme a cantidade de xente que xa está na chaira. Nenos e maiores, cos traxes de traballo na Compañía, igual ca nós. Camiñamos até o cemiterio. Alá arriba no escuro, a Terra está nova. As catro fases en vinte e catro horas.
A lápida do teu pai ten forma de estrela. Niso non escatima a Compañía. Acaríñaslle as letras con agarimo. Está quente do sol, pero aínda non queima. Sentamos ao seu lado. Acendes as luce do teu casco e vexo como me fitas animada, cos teus ollos violeta e o teu sorriso cuántico. Sacas o colgante do peto de velcro. Unha esfera de cristal con un corazón prateado dentro. Está feito do metal da mina, e roto. Cólgalo diante da cara. Amósasllo ao Sol. E sabes que, por un segundo, as tres esferas están perfectamente aliñadas. Hai unha sombra na túa cabeza. Lícuase o metal dentro da esfera e o corazón pasa de novo a ser unha soa peza.
―Tsss, non o toques! ―dis mentres o gardas de novo no peto.
―Mira ―Sinalo co dedo do guante.
A Terra comeza a ocultar o sol.
―En canto o tape de todo, sácoo para arrefrialo ―Apóiaste no meu ombreiro―. Na Terra non sei, pero aquí son máis fortes os forxados nunha eclipse.
E ao pouco, por toda a chaira do cemiterio, agroma un bosque de corazóns.
FIN