Skip to main content

Unha herba de namorar no peto

Lano de Milda

Xandre cae ao chan cun golpe seco que lle parte o nariz. Varias mans érgueno ao instante e empúrrano sen darlle tempo ao seu cerebro de procesar a dor. Dinlle que corra. El non sabe a onde. Move os pés amodo. Dinlle que vaia máis rápido. Leva a man ao peito e sente a herba seca que leva no peto. Corre. Lembra unha duna, a auga fría das Cíes, a ela e ao seu pequeno. Tres disparos rompen co son do mar.



O pequeno motor da cadeira de rodas de Manuel sofre para subir pola pequena rampla de entrada ao camposanto. El acelera todo o que pode. Ten présa. O corredor central do cemiterio está unido a varios laterais, xira no quinto á esquerda. Tres mulleres traballan nunha fosa aberta ao aire libre ao redor dos restos dun esqueleto humano que inda leva enriba, case impoluta, unha cazadora con varios petos.

É el? - pregunta Manuel ás tres mulleres.
Ten pinta que si - responde unha delas.

Manuel sente como o seu peito desincha. Fita os restos do seu pai, o buraco que ten no cranio e unha explosión de sensacións estoupan no seu corpo. Hai dor, rabia, tristeza e tamén alegría. Nunca puido lembrar o seu rostro, pero agora, por fin, sabe onde está.

Ten, levaba isto no peto - continúa a muller.

A arqueóloga pousa na man engurrada de Manuel unha herba verde coroada por unha flor seca de cor rosa. Manuel treme e gárdaa no peto da súa camisa en silencio. Non tarda moito en marchar. Sente o seu corazón bater intensamente. Na longa volta a casa as palabras da súa nai debúxanse na súa memoria. Escóitaas cando colle o bus metropolitano, dentro do metro e no seu pequeno piso de Cornellà de Llobregat. Baixo as sabas sente que non poderá enterrar o seu pai sen saber o por que desa flor.

Manuel non pode durmir en toda a noite. Érguese da cama antes de que as primeiras luces do día debuxen sombras na súa habitación. Con dificultade, pon a roupa do día anterior sen agardar ao seu asistente e sobe a cadeira de rodas. Non deixa ningunha mensaxe. Simplemente marcha. Queima motor para chegar canto antes ao Instituto Botánico de Barcelona coa flor do seu pai na man. Pregunta por ela, pero dinlle que agarde. Manuel non obedece. Acelera coa súa cadeira de rodas, sabedor de que ninguén vai sacar pola forza de alí a un home de 85 anos, e pregunta sen parar a todo o mundo que ve.

O teu pai prometeuse a nós cunha herba de namorar - repite o eco da voz da súa nai no silencio dunha memoria que quedou orfa aos 10 anos.

Varias persoas dinlle que é do xénero Armeria, pero non concretan de onde pode ser. Manuel insiste. Un rapaz novo escoita con paciencia a súa historia e promete unha resposta nunhas semanas se lla da a flor. Cústalle agardar tanto, pero accede. O vello volve a casa coa súa cadeira de rodas cheirando a queimado. Pasa varios días en silencio, sen saír do fogar, esperando unha chamada que non chega.

Semanas despois, Manuel fita unha pantalla chea de letras que non entende. Repítense unha detrás de outra coma un abecedario desordenado. O rapaz dille, emocionado, que o xenoma da flor do seu pai coincide co dunha Armeria pungens das Illas Cíes. Manuel trata de entender todo, pero o home fala moi rápido. Fala non sei que da Universidade da Coruña e do Atlas de Biodiversidade Europea.

En resumo, é unha flor galega, alí chámana coloquialmente herba de namorar e, o máis curioso desta especie en concreto é que só a hai nas Illas Cíes, en Cóscega e Sardeña e no sur de Portugal - conclúe o rapaz.

Manuel imaxina ao seu pai arrancando a herba nunhas illas de areas infinitas. Observa todo o mapa de letras na pantalla do ordenador e sente que, dalgunha maneira, é a mensaxe que lle deixou a el e a súa nai antes de que o mataran. Imaxina a unha científica da Coruña descubrindo todo isto sen saber que alí o único que poñía era un quérote.

Por que lle chaman herba de namorar? - pregunta
Din en Galicia que se a metes no peto dunha persoa amada axuda a que namoren de ti.
Por que escribiron todas estas letras? - volve preguntar mirando á pantalla.
Para entender estas plantas e a súa relación con nós temos que descifrar o seu xenoma - responde o rapaz, que continúa falando aínda que o vello non o escoite.

Manuel sorrí. Sente un repouso ao pensar que vai enterrar, 87 anos despois, ao seu pai, un home que entendeu que o xenoma daquela herba tamén era amor.